A actividade apícola en Galicia realizana principalmente persoas de idade media ou avanzada, sendo escaso o número de xóvenes que se interesan pola mesma. O noso grupo está formado por xóvenes, todos con formación relacionada co sector agrario, e que vivimos no Medio Rural. O noso primeiro contacto coas abellas xurdiu no centro de formación no que estudamos, a través de talleres e charlas relacionadas coa apicultura. A partires dos cales comezamos a interesarnos por esta actividade como posible saída profesional.
Coa presentación deste proxecto a convocatoria Iniciativa Xove, pretendemos avanzar nesta dirección, acadando dous obxectivos principais:
• Experimentar directamente a produción apícola durante unha campaña. Dispor dun pequeno apiario de 20 colmeas coas que traballar; realizar os tratamentos, coidados, análise, extracción de mel e analizar posibilidades de comercialización.
• Investigar, experimentar e analizar sistemas “automáticos” e informáticos aplicables a actividade apícola; control da saúde da colmea, sistemas de protección contra a vespa velutina ou a varroa, controis de seguridade contra roubos, etc.
Como resultados finais do proxecto destacamos:
• Coñecemento: Un maior coñecemento e competencia en:
◦ Coidado das abellas
◦ Defensa contra pragas e enfermidades das colmeas
◦ Posibilidade de comercialización do mel
◦ Rendibilidade económica da actividade apícola
◦ Informática e todo o relacionado con sensorización, hardware e programación.
• Experiencia: A práctica directa durante unha campaña permitiranos coñecer a realidade deste sector. Acadar un coñecemento profundo, non só da actividade apícola, senón da rendibilidade económica dunha explotación deste tipo. Asimesmo estaremos en disposición de aplicar e desenvolver, analizando previamente, novas tecnoloxías que redunden nunha mellor saúde e produtividade das colmeas.

